(Meira, 1962). Arquitecta. Estudos nas universidades de Barcelona e A Coruña. De 1989 a 1996 residiu en Inglaterra, onde se especializou en Restauración histórica na Oxford Brookes University. En 1998 publicou A Casa Grande do Século XIX. No 2000 concluíu o Rexistro e Catalogación das Casas Grandes da Terra Cha. Unha das súas obras como arquitecta foi incluída entre as 25 mellores casas modernas de Galiza descritas en 25 Galician Houses (Ed. Espontáneas, 2005). Actualmente anda a traballar na restauración arqueolóxica do barrio de orixe medieval da Ribeira de Rinlo (Ribadeo)
(Vigo, 1951). Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela en 1976, doutorándose nesta mesma Universidade en 1994. Doutor Vinculado no Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” (CSIC). Profesor da UNED. Catedrático de Secundaria no Instituto “María Soliño” de Cangas. Investigador imprescindíbel na historia medieval de Galiza, participando en obras colectivas como “Historia Xeral de Galicia”(1997), ou publicacións individuais (“A revolucion Irmandiña (1987), “Martiño de Dumio. A creación dun reino” (1996), “Os reis de Galicia” (2003) ou “O reino medieval de Galicia” (2005)), que son algunhas das moitas obras que ten realizado desde unha perspectiva propiamente galega.
Santa Eulalia de Bóveda
Situado a carón da igrexa parroquial de Santalla de Bóveda de Mera, no concello e provincia de Lugo, este conxunto arqueolóxico e artístico foi declarado monumento nacional (hoxe ben de interese cultural de Galicia) en 1931, tan so despois de 5 anos despois do seu descubrimento oficial en 1926, ainda que xa se tiña noticia anterior da súa existencia. Tal como o cualificara Celestino Fernández de la Vega, Bóveda segue sendo un verdadeiro enigma en canto á súa orixe, función, significación e, en menor medida, cronoloxía. A pouca distancia da cidade de Lugo e vinculado ademais á antiga cidade de Lucus Augusti por medio da vía XIX que ía de Bracara por Iria Flavia e que pasaba case a rentes del, este senlleiro núcleo histórico e patrimonial viuse afectado, sen dúbida, polas vicisitudes do seu descubrimento, polas súas sucesivas reutilizacións e reformas e mesmo polas diversas e descontinuas restauracións, todo o cal deu pé a novas hipóteses e interpretacións. En calquera caso, parece estar claro o seu carácter inicial como monumento romano tardío (probablemente do século IV) e de usos pagáns, ben estivesen estes vencellados a un posible ninfeo, tal como viñeron considerando varios autores que trataron sobre el baseandose, sobre todo, na importancia que ten a presencia da auga, ou ben (e de xeito complementario para algúns) correspondesen a un lugar para curar e sandar doenzas a teor dos seus relevos e inscripcións (o propio Chamoso Lamas, Ares Vázquez…), a un mausoleo ou edículo funerario (opinión de Schlunk, Fernández de la Vega –que apuntaba que este puido ser o lugar de enterramento de Prisciliano- , Delgado Gómez…) ou, en fin, mesmo a un sitio relacionado cos cultos romano-orientais ás divindades Isis e Serapis (Rodríguez Colmenero). A esta etapa inicial do monumento, en época tardorromana pero de duración ainda non ben determinada, sucedería logo unha readaptación e reutilización como cripta ou pseudocripta paleocristiá – séculos V e VI- (F. Singul), reaprobeitada do mesmo xeito en época prerrománica –séculos VIII ó X- (Núñez Rodríguez, o citado Schlunk, que con M. Berenguer e como logo fixo o propio Singul, chegou a vincular coa pintura mural asturiana), así como na etapa románica e aínda posteriores.
Deixando á parte os problemas que ainda suscita como xacemento arqueolóxico, moi derramado e deturpado polas sucesivas intervencións nel e nos seus arredores, como puxeron de relevo as últimas escavacións realizadas alí (a cargo de Alberto Balil, primeiro, e Rosa Gimeno, despois), a maior singularidade e orixinalidade do monumento de Bóveda estriba na complementación (aparentemente cunha certa lóxica interna) de arquitectura, escultura e pintura nun so conxunto.
Trátase dun edificio construido de pedra e ladrillo que, en orixe, non estaba medio soterrado coma hoxe, senón situado nunha pequena valgada húmida (de ahí a preocupación polo uso e canalización da auga) e que constaba de dúas plantas superpostas de tipo rectangular , das que so se conserva, e non integramente, a estructura fundamental da inferior. Esta está composta por un espacio central ocupado por un estanque ou piscina (logo tapada, xa en tempos antigos), dúas naves laterais estreitas, das que so se aprecian os arrinques dos seus arcos (probablemente tres a cada lado) e, ó fondo, unha pequena ábsida que lle daba acceso á parte superior por unha escaleira xa perdida. Senllas fornelas nas paredes laterais lembran as existentes nos vestiarios dos baños e termas romanas, pero tamén fixeron pensar nos ocos utilizados para as urnas funerarias dos mausoleos da mesma época. A fachada presenta unha forma de arco tendente á ferradura, flanqueada por dúas ventás rectangulares con ocos triangulares de descarga sobre elas, e que se abre a un breve adro ou pórtico que orixinariamente tiña as entradas polos seus lados e non polo centro (consoante cunha utilización hixiénico-sanitaria do recinto interior).
Tamén nesta parte exterior están os singulares baixorrelevos escultóricos que serviron para atribuirlle determinados usos e funcións ó monumento de Bóveda: algúns perpiaños amosan figuras humanas a xeito de danzantes (en grupo ou individuais) ou formando unha escena que representa a dous eivados mostrando as deformidades, un no brazo e outro na perna (¿quizais polo uso salutífero do lugar?), mentres que noutras pedras do soportal aparecen varias aves (unha aguia ou ibis e unha cegoña), motivo este último que é o escollido, xunto cun conxunto vexetal (trellis) e de casetóns xeométricos, para o extraordinario conxunto de pinturas que decoran toda a bóveda interior, cunha ampla traza de medio canón.
Estes murais interiores están feitos sobre estuco e revelan un estudiado e laborioso programa previo para a súa disposición e execución. Utilízanse varias cores (sobre todo a vermella, azul, verde e negra) e representan, de xeito illado ou en parellas e asociadas a árbores ou peteirando en acios de uvas, diversas aves como perdices, faisáns, galos e pitas, pombas, etc., trazadas con mestría e e realismo singulares. Nos arrinques dos arcos aparecen representadas cráteras con ramos e frores e na parte central da bóveda, case completamente perdida pero da que se conserva documentación gráfica, a decoración pintada figuraba casetóns de tipo arquitectónico.
No progresivo e sucesivo desentullo do sitio e tamén nos arredores lindeiros de Bóveda apareceron outros restos constructivos e decorativos, como fustes e bases de columnas, modillóns, placas de mármore con motivos xeométricos e figurados, fragmentos de inscripcións latinas (unhas de carácter funerario e outras votivo), cerámica e ladrillos, escouras, etc…restos conservados, moitos deles no propio lugar e nos museos diocesano e provincial de Lugo. A todo esto hai que unirlle ó papel do elemento acuático, sexa cal fose a súa orixe e aproveitamento, o que para algúns autores sería producto dunha tradición prerromana (a zona está moi inzada de castros, como o veciño de Corvazal), reconvertida logo en uso balneario, cultural e/ou funerario. En calquera caso, é probable que todo o primeiro conxunto se fixese dunha soa vez (quizais no século IV), pois arquitectura, escultura e pintura semellan formar unha unidade estructural e funcional, ainda que logo fose reformado e reutilizado ó longo do tempo como reflicte a mesma documentación escrita dos séculos XVII e XVIII, cando se construe a actual igrexa parroquial e o seu cemiterio anexo, que hoxe seguen contendo parte do monumento orixinal.
Felipe Arias Vilas.
FELIPE ARIAS VILAS
arqueólogo e historiador
falará, axudado de proxeccións, sobre
SANTA EULALIA DE BÓVEDA: arqueoloxía e patrimonio
29 de outubro de 2006.
Como cpmplemento á devandita conferencia, o domingo seguinte, día 29, ás 10 h, sairá un autobús de diante da Casa Sindical (Ronda da Muralla) para visitar os seguinte puntos relacionados co Camiño Primitivo de Santiago
• Santa Eulalia de Bóveda
• Castro de Corvazal
• Seoane do Alto
• San Vicente do Burgo
• Igrexa de Bacurín
Lugo, 13 de outubro do 2006
A XUNTA DIRECTIVA
Naceu en Lugo en 1949 e licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (1971). Foi profesor no Seminario de Arqueoloxía do instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, onde agora é xefe da sección de Arqueoloxía e Prehistoria. Ademais de historiador é arqueólogo, realizou campañas de escavación en diversos lugares de Galicia e exerceu como profesor de Historia e Arqueoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Foi membro fundador do Museo do Pobo Galego e promotor do Consello Galego de Museos; ademais de participar en diversas entidades académicas.
Dende o 1974 ata 1984 exerceu como director conservador do Museo Provincial de Lugo; traballou tamén como funcionario do Corpo Facultativo de Conservadores de museos e, dende 1983, no Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga. Asimesmo, proxectou e realizou a montaxe e instalación do Museo Etnográfico e Histórico de San Paio de Narla (Friol) e do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga e puxo en marcha o Boletín Provincial de Lugo. Entre outras obras publicou Las murallas romanas de Lugo, tese que presentou en 1972 e que mereceu o premio extraordinario.
Publicou Monedas de un tesorillo del siglo IV d.C. hallado en Lugo (1974) e La romanización de Galicia (1976). Tres anos despois reciviu o premio Otero Pedrayo por Unhas inscripcións inéditas en Pacios (Begonte), á que lle seguiron as obras: Museo Provincial de Lugo, 1981; Inventario epigráfico, en 1983; Sobre os problemas de protección e conservación do patrimonio artístico galego; A coordinación dos museos galegos; Dous miliarios do tramo viario Lucus-Timalino; Museos e o problema cultural nos estatutos de autonomía de Galicia e Castro de Viladonga en 1985; Museo del Castro de Viladonga, en 1990; e Diccionario de termos arqueolóxicos e prehistoria, en 1995. Colaborou co Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Lugo, Gallaecia, Brigantium e Boletín Auriense, etc.
Actualmente é Director Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.
Hoxe pola mañá, o presidente e vicepresidente de LugoPatrimonio, Lois Diéguez e Adolfo de Abel, entrevistáronse co Delegado da Consellaría de Cultura e Deportes, D. Xoán X. Molina e o da Consellaría de Industria e Comercio, D. Ramón Cortés para mostrarlles diversos puntos relacionados co noso patrimonio e que detallamos de seguido coas respostas dadas polos mesmos.
1. Complexo de Temes.
Compromiso de estudar inmediatamente a posibilidade dun proxecto referido ás escavacións arqueolóxicas na parte interior da igrexa así como nos seus arredores, co obxectivo de completar os achados atopados no seu día e que ten estudado en profundidade o arqueólogo D. Xaime Delgado.
Compromiso de editar un folleto explicativo da historia e monumentalidade de Temes, que se espallará tamén polos circuítos turísticos da Xunta, ademais dos puntos turísticos da zona e do país.
Compromiso de sinalizar convenientemente o complexo desde as entradas máis próximas que levan a el: Os Peares, O Castro-A Barrela, Chantada e Monforte.
Adecentamento urbanístico da zona que rodea o munumento.
2. Camiño Primitivo.
Despois do Congreso realizado en Lugo e das aportacións que no mesmo se aprobaron, os delegados, nas súas respectivas competencias, comunicáronnos que xa se está a traballar no Proxecto de delimitación e oficialización do Camiño Primitivo, o cal se terá finalizado posibelmente durante este ano, e para o que xa se aprobou un orzamento de 30.000 euros.
3. Servizos de san Martiño de Mondoñedo.
Aínda que non é competencia ca Consellaría de Cultura, senón do concello de Foz e dos proxectos que subvencionará o Ministerio de Fomento, aquela, nos informes que terá que elaborar, definirase por unha solución que modifique o grave impacto producido por estes servizos que afean a igrexa de san Martiño e todo o seu controno.
4. Proxectos de LugoPatrimonio.
As dúas Delegacións acolleron con interese o proxecto de edicións que non tendo un carácter estrictamente comercial favorezan o coñecemento e popularización do noso Patrimonio. En concreto fóronlles presentados títulos importantísimos de traballos elaborados polos historiadores e estudosos, Xaime Delgado Gómez, Isaac Rielo Carballo, Nicandro Ares Vázquez e Amador López Valcárcel que entrarán na nova política de programación editorial que realizarán as consellarías. A nosa asociación propúxolles que o nome que podería levar a colección podería ser o de LugoPatrimonio.
En nome do nosa Asociación agradecemos aos delegados a amabilidade que tiveron connosco e a acollida favorábel ao que enriba detallamos.
Lugo, a 27 de xullo do 2006
O Presidente de LugoPatrimonio.
Lois diéguez
Castelo (Taboada, 1933). Estudou a carreira eclesiástica no Seminario Diocesano de Lugo. En 1974 trasládase a Roma onde se licencia en Arqueoloxía Cristiá. É profesor de Arqueoloxía Cristiá e Patroloxía no Instituto Teolóxico Lucense. É membro da Comisión Diocesana Lucense do Patrimonio e Arte Sacro. Entre a súa inmensa obra destacan os seis tomos que lle dedicou ao estudo do románico da provincia de Lugo, aos que hai que engadir oito libros máis da súa especialidade entre eles o da súa tese doutoral sobre “O Complexo de Temes”, ou centos de traballos especialmente iconográficos sobre diversos temas relacionados coa historia, investigación e arquitectura fundamentalmente do mundo antigo e medieval .
Orlando Viveiro Veiga (Outeiro de Rei, 1957). Fixo traballos de recollida e investigación sobre o patrimonio e a cultura tradicional. Colaborou no boletín “Terra Chá”, editado pola asociación cultural “Brigadas en defensa do patrimonio chairego”, a respecto do latín dos canteiros, os cacharreiros de Bonxe, os xogos populares e algúns aspectos da cultura da auga, entre outros. Colaborou tamén coa revista “Ardentía”, da Federación galega pola cultura marítima fluvial, en relación con aspectos da nosa cultura e patrimonio.
Hai varias modalidades de socios de LugoPatrimonio.